12/09/2011

SUXEITOS EMERXENTES: SEXUALIDADES E FEMINISMOS CONTEMPORÁNEOS


CURSO de VERÁN da UDC

SUXEITOS EMERXENTES: SEXUALIDADES E FEMINISMOS CONTEMPORÁNEOS

O curso de verán SUXEITOS EMERXENTES: SEXUALIDADES E FEMINISMOS CONTEMPORÁNEOS, ten como propósito fundamental dar a coñecer as novas correntes teóricas e prácticas do pensamento crítico feminista e dos movementos de liberación sexual actuais. O enfoque debe ser comprendido a partir dunha dislocación múltiple do suxeito feminista, onde a identidade moderna, homoxénea e esencial do suxeito "muller" comeza a ser redefinida, diversificada e afinada pola intervención múltiple de novos suxeitos que emerxen desde contextos xeográficos e políticos afastados tradicionalmente da centralidade política feminista.


O curso organízase en catro bloques temáticos:

XÉNERO, ARTE E ACTIVISMO
Nos últimos anos asistimos, no contexto galego, a unha efervescencia nos discursos e prácticas políticas feministas relacionadas coa producción artística en Galicia. A interrelación entre xénero, arte e activismo está a posibilitar novas linguaxes e formas de comunicación que se incorporan ás políticas actuais do movemento e á creación artística en Galicia.

ENFOQUES E DEBATES EN TORNO AO FEMINISMO E AOS MOVEMENTOS DE EMANCIPACIÓN SEXUAL
A intersección entre as gramáticas feministas e a teoría queer teñen posibilitado a irrupción de discursos autocríticos dentro dos propios movementos feminista e LGBT. As ponencias propostas abordarán cuestións como as políticas LGBT europeas, a crítica 'antiqueer' plantexada por unha parte do movemento feminista e LGBT ou os debates orixinados coa aparición das correntes transfeministas.

MIGRACIÓNS, XÉNERO E SEXUALIDADE: PERSPECTIVA POSTCOLONIAL DO FEMINISMO E OS MOVEMENTOS DE EMANCIPACIÓN SEXUAL
Os discursos postcoloniais ou as diferentes prácticas políticas autónomas, desde os movementos civís de mulleres no Magreb ata a 'subversión do dereito' proposta polo transfeminismo ecuatoriano promoven novas análises desde as fronteiras do feminismo, onde as variábeis de etnia, clase ou relixión son determinantes á hora de explicar a heteroxeneidade do suxeito. Esta realidade, unida á migración ou ao exilio por discriminación sexual, así como a aparición de discursos racistas e islamófobos nas comunidades feministas e LGBT europeas poñen de manifesto a necesidade de autocrítica, articulando políticas inclusivas baseadas en valores igualitarios e antirracistas dentro dos propios movementos sociais.

REPRESENTACIÓNS DO CORPO E DA SEXUALIDADE DAS MULLERES
É fundamental destacar o lugar e o poder que teñen hoxe as representacións dos corpos das mulleres, desde a literatura á creación audiovisual. As poñentes invitadas promoven novos modelos de feminidade e formas de autorepresentación que empoderan e visibilizan a sexualidade das mulleres.


DATAS
14-17 de setembro 2011

LOCALIZACIÓN

Ponencias e mesas redondas no CUR (antigua facultade de Empresariais) e exposicións, ciclo de vídeo e teatro na Normal (antigua facultade de Maxisterio), no Campus de Riazor.

ORGANIZADORES/COORDINADORES DO CURSO

- Antía Pérez Caramés. Directora do curso. Profesora Contratada Doutora en Socioloxía da Universidade da Coruña. Investigadora en feminismos, migracións, envellecemento e coidados.

- Pablo Andrade. Sociólogo. Master en xénero e políticas públicas. Activista. maribolheras precárias.

- Rubem Centeno. Sociólogo. Experto en Teoría queer. Ten publicados diversos artículos sobre movementos de emancipación sexual en distintas publicaciones como a Revista Tempos, Periódico Diagonal e en publicaciones on-line galegas. Activista maribolheras precárias.

- Anxela Caramés. Historiadora da arte. Investigadora en feminismos e arte contemporánea.