BASES:
BASES DO FESTIVAL DO AUDIOVISUAL FEITO POR MULLERES MUFEST 2011
1.- OBXECTIVO
Constitúe o obxecto das presentes bases regulamentar a celebración do II Festival do Audiovisual feito por Mulleres, MUFEST como instrumento para fomentar a produción audiovisual de obras dirixidas, escritas ou producidas por mulleres.
O MUFEST, organizado pola Asociación Andaina de Mulleres, promove o crecemento cultural e artístico e o impulso das futuras realizadoras, produtoras e escritoras e o apoio á creación de novas obras audiovisuais que amosen novas perspectivas sociais e culturais fomentando a diversidade e a visibilidade.
2.- CARACTERÍSTICAS E REQUISITOS DAS OBRAS AUDIOVISUAIS
a) Características:
Esta edición está aberta a calquera artista directora, guionista ou produtora que presente a súa obra orixinal en galego ou castelán ou subtitulada nunha destas linguas.
As obras realizadas integramente en galego serán as que poderán optar á distinción de Mellor Obra en Galego, non así as que estean dobradas ou subtituladas.
Todas as obras, independentemente da súa procedencia, poderán optar aos tres premios que se outorgan neste MUFEST.
b) Requisitos:
1. O formato da obra enviada deberá ser DVD.
2. Non hai límite de obras por autora.
3. As obras terán que ter sido producidas despois do ano 2004 incluído.
4. Non se aceptarán obras de carácter publicitario.
5. A duración máxima das obras será de 30 minutos para Ficción e 60 minutos para Documental.
6. O tema será libre e poderán participar no concurso aquelas obras seleccionadas polo Comité de Selección designado pola dirección do MUFEST.
7. Rexeitaranse todas aquelas obras que non cumpran as calidades técnicas
mínimas para a súa posterior proxección e todos aqueles traballos que non veñan debidamente cumprimentados con todos os requisitos expresados nestas bases.
8. Queda excluída da participación toda persoa encargada da organización do MUFEST.
9. A dirección do MUFEST resérvase o dereito de pasar fóra de concurso traballos que considere de alto nivel, pero que non fosen escollidos polo comité de selección.
3.- TRAMITACIÓN
a) Inscrición e envío de copias:
O prazo de presentación das obras será dende o día 3 de xaneiro de 2011 ao 12 de febreiro do 2011
no seguinte enderezo:
ANDAINA MULLERES
Apartado 1058
Santiago de Compostela
Galiza
b) Deberán enviarse 3 copias en DVD formato PAL, zona 2 e nunha funda claramente identificada co título da película e os datos da autora sendo imprescindible acompañala de:
1. Título, duración e ano de produción da obra
2. Currículo de máximo 5 liñas da directora, produtora ou guionista
3. Breve sinopse
4. Currículo da obra (participación en festivais, premios, exhibicións...)
5. Dúas fotografías dalgún fotograma da obra.
c) Os gastos do envío da copia debe asumilos a participante e o MUFEST non se responsabiliza en caso de haber danos ou perdas durante o transporte da obra.
d) As obras e o material enviado non se devolverán e pasarán a formar parte da Filmoteca do MUFEST
e da Asociación Andaina de Mulleres que poderá exhibilas naquelas actividades que considere adecuadas e sen ánimo de lucro.
4.- XURADO
a) A dirección do MUFEST nomeará un comité de selección. O mencionado comité valorará todos os aspectos relacionados cos traballos: idea, guión, realización, interpretación, estilo, montaxe, fotografía...
b) Entre 10 e 12 serán as obras finalistas contemplando sempre a variedade de ficción, documental ou animación. Haberá tres premios a outorgar entre as obras seleccionadas e un premio de Mención á Mellor Obra Orixinal en Galego.
c) A dirección do MUFEST propoñerá o número de persoas que considere necesario como xurado,
mulleres relacionadas co mundo do cine, audiovisual, artístico e/ou feminista e profesionalmente cualificadas.
d) O fallo do xurado será inapelábel
e) O xurado xunto coa dirección do MUFEST resérvase o dereito de deixar deserto calquera premio,
atendendo á calidade, tanto artística como técnica das obras.
f) A dirección do MUFEST resérvase o dereito a crear un accésit por considerar necesario o recoñecemento dalgunha das obras.
5.- DEREITOS DE EXHIBICION
a) O MUFEST poderá facer uso de fotografías, imaxes ou sons das obras recibidas para publicitar o
MUFEST en prensa, radio e TV.
b) As participantes autorizan que, no caso de resultar finalistas, o seu nome e apelidos aparezan publicados na páxina web de Andaina de Mulleres (www.andainamulleres.org), así como nos medios de comunicación que se consideren necesarios para a difusión e promoción do MUFEST.
c) Todas as participantes aceptarán as bases, así como a resolución dada pola organización aos imprevistos que puidesen xurdir.
6.- PREMIOS
Os premios da presente edición do MUFEST outorgaranse atendendo a calidade técnica e artística das obras.
Establécense os seguintes premios:
1. Primeiro premio de 1.000 €
2. Segundo premio: Curso de Cine na Escola de Cine para Mulleres de Brighton (UK)*
3. Terceiro premio: Invitación para o Festival de Cine de Ourense**
4. Premio Mellor Obra Orixinal en Galego
As autoras premiadas deberán estar presentes para recoller os premios. No seu defecto poderán enviar unha persoa representante debidamente acreditada, relacionada ou vinculada á obra.
A dirección do MUFEST resérvase o dereito de resolver os imprevistos que puidesen xurdir como considere oportuno.
---------------
*O segundo premio inclúe o curso, mais non o desprazamento e o aloxamento.
** O terceiro premio inclúe a invitación, mais non o desprazamento e o aloxamento.